XORNAL I Santiago.-A Consellaría do Medio Rural organiza o Congreso internacional sobre viticultura de montaña e en forte pendente que reunirá en do 13 ao 15 de marzo en Monforte a 200 especialistas europeos, que analizarán aspectos da historia e os retos de futuro destas áreas de produción, así como as mellores fórmulas para poñer en valor a viticultura de montaña nos seus ámbitos histórico-culturais, técnicos, paisaxísticos e económicos.
Este encontro está promovido polo Centro de Investigación, Estudo, Salvagarda, Coordinación e Valorización da Viticultura de Montaña, CERVIM, en colaboración da Consellaría do Medio Rural da
Xunta de Galicia e baixo o patrocinio da O.I.V., a Organización Internacional da Viña e o Viño.
Na produción de viños e augardentes de Galiza, cobra especial relevancia a produción nas zonas de montaña e en forte pendente, que de feito abranguen parte de tres das cinco zonas xeográficas galegas de produción vitivinícola amparadas por Denominacións de Orixe, que son Valdeorras, Ribeira Sacra e unha pequena parte no Ribeiro. Comprenden paisaxes de montaña espectaculares, que impresionan tanto como recursos paisaxísticos como tamén pola tremenda dificultade que supón conseguir arrincarlle á terra viños e augardentes de tanta calidade como os que efectivamente producen os nosos viticultores e viticultoras, recoñecidos xa a nivel mundial.
En Galiza existen diversas zonas vitícolas rurais consideradas como fráxiles, cunhas peculiaridades nada comúns co resto do Estado español, onde o viñedo ten configurado o contorno converténdose en factor determinante do seu carácter especial que define o que denominamos a viticultura de montaña e/ou en forte pendente. Dende a Consellaría do Medio Rural enténdese que é moi importante minimizar o impacto do arrincado ou prohibilo nestas zonas de difíciles condicións, así como prestar un bo apoio financeiro para manter estes cultivos. Principalmente, os parámetros característicos deste tipo de viticultura son: realización do cultivo da vide en terreos irados con pendentes superiores ao 30%; realización do cultivo da vide en altitudes superiores a 500 m. e realización do viñedo en “socalcos” (bancais ou terrazas).
Os parámetros anteriores definen un tipo de viticultura que fai que súa práctica sexa realizada en difíciles condicións e se encadre, polo tanto, na tipoloxía dunha viticultura tamén chamada "viticultura heroica". Galiza, no momento actual, ten caracterizadas 3.392 ha de viñedo con este denominador común (1.590 ha en zonas amparadas por D.O.: Ribeira Sacra, Valdeorras e Ribeiro; e 1.802 ha en zonas sin D.O.) e representa o 8% desta superficie en Europa e a nivel do Estado español supón o 100% do adherido ao CERVIM, aínda que hai varias zonas vitivinícolas que cumprirían as condicións se o solicitasen, dende Canarias a Cataluña pasando por Andalucía, Cantabria ou Asturias.
A organización deste encontro en Galiza supón, dun lado, un estímulo á investigación aplicada, ao brindar a oportunidade de intercambiar experiencias que permitan aprender das alleas, ao mesmo tempo que os nosos investigadores poderán contactar cos foráneos e contrastar a súa información. Doutro lado, este congreso está concibido dunha forma multidisciplinar, no sentido de que abrangue facetas que teñen que ver coa viticultura en terreos illados (viticultura e enoloxía, historia, aspectos xeográficos, do medio, socioeconómicos, e dentro destes algúns tan importantes como o turismo, que teñen unha forte dependencia da paisaxe antropoxénica das ribeiras do Miño e do Sil).
Localización das zonas galegas
Distinguiriamos na provincia de Lugo, ademais do groso con dificultades estruturais na Ribeira Sacra que se reparte por 12 concellos nesta provincia, ao norte dos Ancares unha pequena pero singular zona vitícola tamén con moitísimas dificultades estruturais ás que lles hai que engadir un especial illamento, no Concello de Navia de Suarna e Negueira de Muñiz (apenas 25 has de viñedo moi dispersas ao longo das ribeiras do Navia e sobre todo máis ao norte nos canóns do encoro de Salime).
Pola parte de Ourense, ademais dos 7 concellos pertencentes nesta provincia á zona vitícola da Ribeira Sacra, atopamos outras zonas desfavorecidas tanto en DO como fóra, por exemplo na comarca de Monterrei, loxicamente agás as zonas do val. Asemade, atopamos zonas vitícolas con dificultades estruturais e tamén algo illadas nos concellos de Vilardevós e Riós, na parte máis suroriental da provincia de Ourense. Tamén hai viñedo con dificultades estruturais, disperso polas comarcas do Ribeiro e Ourense, especialmente ao norte da DO Ribeiro, en Leiro e Gomariz, entre outros, pero tamén ao sur, sobre todo en Arnoia. Asemade a pendente é característica tamén da paisaxe da zona vitícola lindante ao Ribeiro, referímonos á tradicional zona dos viños da terra de Val do Miño-Ourense. E, por último, incluso en Laza podemos atopar zonas destas características difíciles de viticultura e mesmo na comarca vitícola de Viana do Bolo, sobre todo ao norte, polas colas adiante do contorno do encoro do Bibei.
Nas provincias da Coruña e Pontevedra son escasas as zonas con dificultades estruturais deste tipo (elevada pendente, altitude e socalcos) nas Rías Baixas, cara o norte hai zonas do Barbanza e do Ulla e ao sur, continuando polas ribeiras do Miño, dende Crecente ata a Guarda, no que son viñedos de subzonas do Condado, do Tea e do Rosal.