Adolfo Domínguez: “Un non ten os dereitos que non pode pagar”
Dende o seu punto de vista, “a crise remataría cun cambio liberal profundo, xa que os valores socialistas monopolizan a ética, pero detrás do socialismo escóndese unicamente a pereza”. Así o explicou o deseñador onte na súa ponencia en Tribuna Galicia Fórum Europa. Domínguez admitiu que non cre “no estado de benestar” e confesou a súa preocupación por que “se alcanzou un 40% do paro entre os menores de 25 anos”. Inda que está preocupado por esta cifra, confía en que a sociedade “se dea así conta de que o Goberno socialista é inepto e non ten coñecementos económicos”. Sobre a decisión do Goberno de atrasar a xubilación até os 67 anos, Domínguez preguntou “se alguén se imaxinaba hai cinco anos a Zapatero aprobando semellante medida” e el mesmo respondeu sinalando que “non, pero a realidade superouno e por iso tivo que facelo, porque é necesario”.
Entre as súas solucións para a crise, o deseñador destacou que “o consumo non é sostible porque somos moitos” e recomendou “tomar menos proteína animal” para rebaixar a contaminación como tamén reeducar á mocidade “cara a un transporte grupal para que os mozos non sigan collendo o coche para cear en Cambados e logo saír na Coruña”. Con estas recomendacións, Adolfo Domínguez considera que se poderá reducir o consumo.
FUNCIONARIOS
O deseñador cargou, ademais, con gran insistencia contra os funcionarios. Domínguez comparounos coas cortes reais empregando unha frase de sir Francis Bacon na que a definía “como unha pranta de raíces sen veleno, pero as súas follas son ponzoñentas”. Finalmente, o deseñador subliñou que “o único bo do estado de benestar é a educación e a sanidade para todos, pero non como está formulada”. Aos seus ollos, para financiar os servizos “non se pode endebedar o Estado, porque un non ten os dereitos que non pode pagar”.
CRÍTICA DO PSDEG
As duras declaracións do deseñador atoparon resposta, de tarde, por parte dos socialistas galegos. O secretario de Organización do PSdeG, Pablo García, criticou a “desvergoña” de Domínguez, ao que acusou de “explotador” e acusoulle de querer que os traballadores “teñan en España as mesmas condicións que os seus empregados en Asia ou África”. Despois de que o modisto defendese esta mañá o despedimento libre no mercado laboral español, o dirixente socialista evidenciou que Domínguez “non se caracteriza pola defensa dos dereitos dos traballadores”.
FUENTE:
http://www.xornal.com/artigo/2010/02/03/economia/non-ten-dereitos-non-pode-pagar/2010020323182900911.html
