Dúas de cada tres leis de Feijóo son modificacións de normas anteriores

domingo 04 abril 2010

“Nós non vimos restaurar ningún pasado nin derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores”. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sintetizaba deste xeito, durante a súa investidura como xefe do Goberno galego, o que sería o seu modelo de actuación á fronte dunha “Galicia nova que, sen rancores nin dogmas, se sente peregrina polos camiños da historia”. Pero, cando se cumpre un ano do inicio formal no Parlamento da VIII Lexislatura autonómica, a actividade lexislativa do Executivo do PPdeG contradí, en boa medida, o principio inspirador enunciado por Feijóo na súa etapa como candidato. Atendendo ás 12 normas aprobadas pola Cámara galega nos últimos doce meses, é posible observar que tan só 4 son leis completamente novas. Así as cousas, pódese afirmar que o 67% –dúas de cada tres– das leis aprobadas polo PPdeG teñen como obxectivo modificar unha normativa aprobada por algún dos Gobernos anteriores, especialmente, polo bipartito de PSdeG e BNG.

Xa a primeira acción lexislativa impulsada polo novo Goberno, tan só un mes e medio despois da chegada de Feijóo a San Caetano, tivo como obxectivo revisar unha decisión do bipartito. Así, o pasado xuño recibía o visto e prace, apoiada na maioría absoluta conservadora, a modificación da Lei 11/2008 de Pesca de Galicia, que fora un dos buques insignia da política pesqueira do PSdeG e que os populares insistiron en modificar en aras do “consenso” co sector afectado.

Con especial atención á “redución da burocracia” no sector bateeiro, esta norma aínda sufriría novos trocos o pasado decembro, cuxa aprobación foi obxecto, días despois dun acto público de celebración en Vilagarcía de Arousa, presidido pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen asegurou entón que o “contador” da regulación legal da pesca quedaba por fin “a cero”.

Como na normativa marítima, PSOE e BNG observaron un claro “revisionismo” nunha das decisións máis polémicas do Executivo popular. A segunda iniciativa aprobada polo Goberno no Parlamento, de novo en solitario, pasou por anular a reforma da Lei da Función Pública impulsada polo ex conselleiro da Presidencia, José Luis Méndez Romeu, para garantir o coñecemento da lingua galega entre os aspirantes a un posto de funcionario. Por iniciativa do seu sucesor, Alfonso Rueda, a obrigatoriedade de realizar, cando menos, un exame no idioma propio, foi suprimida.

Non menos controversia xerou outro dos, ata agora, proxectos estrela do Goberno, isto é, a Lei pola que se regula o aproveitamento eólico e que, a efectos prácticos, supuxo botar por terra o concurso e ordenación do sector auspiciada dende a Consellería de Industria polo nacionalista Fernando Blanco. O 22 de decembro –case no primeiro aniversario do decreto do bipartito–, o PPdeG daba luz verde no Parlamento á nova regulación.

Xunto a pesca, lingua e enerxía, boa parte das reformas de normas anteriores dirixíronse, nestes doce meses, ao que fora un dos buques insignia do Goberno de socialistas e nacionalistas: A protección e ordenación do territorio. A finais de novembro, a Consellería de Infraestruturas sacaba adiante a Lei de Medidas Urxentes para Modernización do Transporte Público –un cambio, de facto, dos plans do bipartito para o sector, cunha prórroga de dez anos en todas as liñas de autobús de Galicia–. Do mesmo xeito, no último pleno do Parlamento antes das vacacións de Semana Santa, outra norma “urxente” mudaba a Lei do Solo sen que, finalmente, fose posible un acordo do PP con ningún dos grupos da oposición.

Neste paquete de modificacións legais impulsadas polo novo Executivo é posible tamén incluír a denominada Lei Ómnibus que, procedente da Consellería da Presidencia, adapta 24 normas anteriores áos ditados da Unión Europea en materia de servizos públicos e, polo tanto, non constitúe unha iniciativa da propia Xunta.

Do mesmo xeito, unha das normas máis mediáticas do actual panorama político, a Lei de Caixas, non só modifica decretos e leis anteriores –procedentes do Goberno Fraga–, senón que non xorde da iniciativa do Goberno, senón dunha proposición de lei impulsada no Parlamento polo Grupo do BNG.

FUENTE: http://www.xornal.com/artigo/2010/04/03/galicia/duas-cada-leis-feijoo-son-modificacions-normas-anteriores/2010040320475800394.html






os comentarios foron deshabilitados.