JOSÉ FERNÁNDEZ fERNÁNDEZ ALCALDE DE NAVIA DE SUARNA

xoves 07 agosto 2008

A empresa Saltos del Navia non renuncia a construír un encoro, proxectado polo franquismo, no concello lugués do mesmo nome. O Goberno así o lembrou nunha resposta dada a coñecer nos últimos días ao deputado do BNG, Francisco Jorquera. A situación actual é que a empresa pediu que se inicie o procedemento de avaliación de impacto ambiental. Xa presentou unha memoria resumen do proxecto e todo está en fase de consultas. O Goberno, logo de aclarar a situación, advertiu que o Ministerio de Medio Ambiente non ten atribucións para informar sobre como se pronunciará o órgano ambiental.

José Fernández Fernández (PSOE) é o rexedor naviego. O Concello, advertiu, non quere o encoro e asegura que é de vergoña que se proxecte unha presa na súa demarcación cando hai casas que aínda non dispoñen do servizo de luz eléctrica.

-¿Que novas ten o Concello do asunto?

-As que se coñeceron cando fixemos o recurso. A Xunta anunciou a súa oposición ao proxecto e plantexa un informe negativo ao estudio de impacto ambiental e dende o Concello pediuse que o proxecto non se aprobe por varios motivos: por a zona que vai asolagar, polo valor ecolóxico e natural... Desde iso, que foi no mes entre abril e maio, non temos outras novas.

-O Goberno central xa advertiu que o proxecto non está aparcado, nin moito menos...

-Creo que todo vai depender do Ministerio de Medio Ambiente. A Xunta tamén mandou un informe pedindo que non fora para diante este tipo de obra. Estamos en contra do encoro, pero segundo teño entendido, non sei si é certo ou non, a palabra definitiva vaina ter o Ministerio de Medio Ambiente. A corporación municipal está en contra.

-O proxecto do encoro é coma unha grande lousa que pesa moito na historia de Navia. ¿Non cree que é algo terrible para un concello tan pequeno como o que vostede rexe?

-Efectivamente. Teño 50 anos e lembro sempre a ameaza. A primeira solicitude data do ano 1951. Levamos polo tanto 60 anos con este tema, o que supón un lastre terrible en contra da economía e de toda a bisbarra.

-Imaxino que non debe resultar doado planificar infraestruturas cando aínda non se sabe moi ben que lugares quedarán asolagados....

-Bueno, houbo modificacións. Primeiro era o Gran Suarna, pero logo foi cambiado. O último proxecto prevé non asolagar a vila, pero provocaría problemas graves para a zona.

-¿Por certo como está o tema da electrificación do Concello?

-Aínda faltan uns catro ou cinco pobos por reformar as vellas liñas. Nesa materia diría que estamos só regular porque aínda temos un pobo sen electrificar.

-¿Cal é?

-Curuxedo. Ten sete ou oito casas, pero os veciños non solen estar fixos.

-¿Non lle parece un contrasentido que por un lado se queira facer un encoro e logo haxa persoas que teñen que usar o candil?

-E tan inxusto como escandaloso que a día de hoxe haxa un pobo sen luz e se proxecte un encoro.

-Por certo, parece que a moitos veciños non lles desgusta o encoro. Pensan que lles beneficiará que as súas terras queden cubertas polas augas. ¿Que opina?

-É certo que hai xente, que xa non vive aquí no concello e ten algunhas terras que entende de pouco valor; para agricultura é certo que non son moi propicias, pero teñen outro valor que, entendemos, pode ser máis importante que para agricultura nesa zona.

-O concello non dispón de ningún parque eólico...

-Nin un só. Parte do concello está declarado Rede Natura e non se poden instalar parques, aínda que descoñezo plenamente a normativa ao respecto.

-¿Parécelle lóxico que non se podan colocar e logo se queiran asolagar terras?

-Non, para nada.

-¿Cales van ser os próximos pasos que pensa dar o Concello en canto ao encoro?

-Xa manifestamos rotundamente a nosa intención, en plenos e declaracións, de non aceptar o encoro.

-O caso de Navia resulta moi curioso. Pode ter un encoro e resulta que leva moitos anos cunha estrada pouco menos que infernal e unhas comunicacións deficientes. ¿Que opina?

-As obras da estrada están para empezar calquera día. Xa foron adxudicadas. Nunha reunión que mantivemos hai un mes co delegado da empresa, díxonos que a intención era empezalas agora no verán, por ser unha época boa para traballar na zona.

-¿En que treito?

-Becerreá-San Martiño da Ribeira. A empresa xa colleu un local en Becerreá onde instalou as oficinas.

-¿En que van consistir as obras?

-Vai haber unha ampliación ata deixar a estrada de oito metros. Será unha das grandes obras para Navia, pola necesidade que temos dunha boa comunicación. Levan moito tempo prometéndoas e nunca as fixeron. Desde Becerreá son 28 quilómetros pero parte do enlace da autovía, uns 25 quilómetros.

-Non cabe dúbida de que se trata dunha estrada con moita historia.

-Ten un trazado duns cen anos. Antes da República xa estaba como está, aínda que sen alcatranar. Ten o mesmo trazado.

-¿Cal sería logo de acabala a necesidade máis urxente?

-Están as outras vías de comunicación como a Navia-Fonsagrada, ou a de Rao por os Ancares. Son estradas que articularían toda a comunicación do concello. A primeira delas é de tres ou catro metros, dun trazado moi antigo que está moi mal e necesitase mellorar. A outra tamén precisa unha atención por ser unha das entradas ao parque dos Ancares.






os comentarios foron deshabilitados.