O bipartito reduciu o parque móbil en 2008 un 47% máis que o PP

domingo 18 abril 2010

Citroën, protagonista dun garaxe oficial que aínda conserva 26 Audi

Foi un dos principais arietes da carreira electoral do PPdeG para regresar á Xunta e, a xuízo de numerosos analistas, un dos principais “erros de comunicación do bipartito”, unha tese que os datos veñen corroborar un ano despois. Cando se cumpre o aniversario da toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo como xefe do Goberno galego, os datos da propia Administración autonómica poñen de manifesto que a redución de vehículos no parque móbil da Xunta non só non comezou co cambio de cor política do Goberno, senón que mesmo se reduciu.

Dende que, a finais de 2008, os conservadores galegos elixiron como bandeira preelectoral o “despilfarro” do gabinete de Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana no que á compra e uso de automóbiles se refire, foron moitos os que, sen éxito, tentaron coñecer o número exacto de vehículos dos que dispón a Administración galega, tanto para desprazamento de altos cargos como para as diversas tarefas ordinarias.

Malia a ser cuestionados en torno a estes datos tanto o Goberno socialista e nacionalista coma o popular, só foi posible coñecer a cifra exacta de coches oficiais, no sentido máis amplo do termo, no intre en que, a pasada semana, a Consellería de Facenda informou ao Diario Oficial da Unión Europea do primeiro trámite para renovar os seguros do parque móbil, un trámite que traerá consigo a contratación de 2.228 pólizas, tantas como vehículos.

Xunto a este dato global, Facenda dá conta tamén ás posibles aseguradoras interesadas da evolución da sinistralidade dos vehículos autonómicos en pasados anos e, polo tanto, da súa cantidade. Así, é posible observar que o volume de turismos, camións, todoterreos ou tractores da Xunta sufríu unha gran redución con PSOE e BNG no Goberno. Así, entre 2007 e 2008 –último ano completo de mandato do bipartito–, o parque móbil diminuíu os seus efectivos en 338 vehículos, pasando de 2.743 a un total de 2.405 ou, o que é o mesmo, minguando un 12,40% do total.

Foron estes os datos cos que o parque móbil entrou no ano electoral de 2009, período no que o ritmo da redución de vehículos foi realmente significativa. Así, os garaxes da Administración autonómica adelgazaron en tan só 42 automóbiles. Deste xeito, aínda atribuíndolle o conxunto da redución de 2009 ao novo Goberno do PPdeG, esta quedaría nun 1,75%, sendo a diferenza ao respecto do último ano de mandato do bipartito dun 87%.

Con este continxente, o Executivo galego comezou, segundo os datos publicados, o ano 2010, no que, tendo en conta os seguros que serán contratados, é posible concluír que a Xunta dispón de 2.228 vehículos, 135 menos que a finais de 2009, quedando a diminución que podería ser atribuída ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo nun total de 177 vehículos ou, o que é o mesmo, nun 47% menos que a implementada polo bipartito no seu último ano.

 

SINISTRALIDADE

Xunto ao propio volume do parque móbil, entre os datos publicados por Facenda no Diario da UE destacan especialmente os referidos ao número de accidentes sufridos polos coches, furgóns, camións e vehículos agrarios dependentes da Xunta.

Malia á importante redución no número de efectivos, os sinistros, lonxe de diminuír, incrementáronse exponencialmente nos últimos tres anos, dun xeito inversamente proporcional ao propio parque móbil. Así, a cifra de 402 percances do ano 2007 elevouse en máis dun 50% en 2008, cando os condutores da Administración se viron implicados nun total de 835 accidentes. Malia frear o seu ritmo, o incremento continuou co cambio de Goberno, rematando o ano 2009 cun balance final de 910 accidentes.

Este incremento da sinistralidade supuxo un importante impacto nas arcas públicas autonómicas, ata o punto de ver triplicados os gastos dedicados a tal fin.

Así, en 2007, a Xunta viuse obrigada a gastar 387.404 euros en facer fronte aos sinistros viarios, un montante que se elevou ata os 838.581 euros en 2008. A falta de datos dos primeiros catro meses do ano 2010, o pasado 2009 finalizou cun total de 910 accidentes, nos que a Adminsitración autonómica gastou preto dun millón de euros, nomeadamente, 995.887.

FUENTE: http://www.xornal.com/artigo/2010/04/18/politica/bipartito-reduciu-parque-mobil-mais-pp-ata-agora/2010041723001700130.html






os comentarios foron deshabilitados.