OS SOCIALISTAS DA PROVINCIA DE LUGO PRESENTARÁN MOCIÓNS EN TODOS OS CONCELLOS AFECTADOS POLA SUPRESIÓN DOS COMEDORES ESCOLARES PÚBLICOS

martes 13 abril 2010

Dende a Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Lugo
denuncian o incumprimento do programa electoral do Partido Popular.
“Feijóo enganou aos galegos e ás galegas cando dixo que <melloraría ás
condicións de escolarización dos alumnos do medio rural, xeneralizando os
comedores escolares>. Mentiu descaradamente aos electores, e isto
tradúcese mesmo nun insulto para a provincia de Lugo, eminentemente
rural”, incide José Carlos Ferreiro.

O secretario da área de Educación di que logo da primeira proposta da
Xunta de Galicia, a consellería de Educación “mudou a súa postura, cun
REGATEO DE PRAZAS e un MERCADEO DO ENSINO PÚBLICO. Dende o PSdeG
entendemos que tal actitude NON PODE TRANQUILIZAR A NINGUÉN”. Así pois, o
socialista fala de “indignación lexítima na comunidade escolar, xa que non
se pode entender esta actitude frívola, por parte do Goberno, que presenta
una proposta de máximos, COA INTENCIÓN DE SACALA ADIANTE, para rectificar,
ás primeiras de cambio, ante a presión da opinión pública e a contestación
de partidos políticos e axentes sociais”, incide.

Ferreiro lembra que a provincia de Lugo ten unha peculiaridade xeográfica
que require dunha especial atención por parte da Xunta de Galicia, “nun
esforzo polo MANTEMENTO E MELLORA DUNS SERVIZOS PÚBLICOS DE CALIDADE, QUE
AFONDEN NA FIXACIÓN DA POBOACIÓN NO RURAL E NO EQUILIBRIO TERRITORIAL DA
NOSA COMUNIDADE AUTÓNOMA”.

O socialista detalla que a Executiva provincial promoverá a presentación
de mocións nos concellos afectados, instando á Xunta a “restituír os
postos de traballo suprimidos nos servizos de comedores escolares da
provincia de Lugo; a manter este servizo, atendido con persoal laboral
propio da Xunta de Galicia, en todos os centros onde se propón a súa
supresión; e a elaborar un plan específico, con dotación e memoria
económica, de impulso, mellora e progreso da calidade do ensino público na
provincia de Lugo, que signifique unha aposta clara pola nosa provincia”.

Por outra banda, o PSdeG continuará, tamén, coas accións no Parlamento de
Galicia. O Grupo parlamentario socialista presentou o pasado luns unha
Proposición non de Lei, na que esixe á Xunta de Galicia que “manteña en
funcionamento todos os comedores escolares que están a prestar servizo,
garantindo a súa xestión pública e que presenten un Plan de Ampliación e
Optimización de Prazas e Comedores Escolares nos centros do sistema
educativo público galego”.





Saúdos, Gabinete Comunicación PSDEG-PSOE LUGO







os comentarios foron deshabilitados.