Vázquez advirte que o recorte de 218 millóns anunciado por Feijóo afectará ás políticas sociais e infraestruturas

martes 20 abril 2010

O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, criticou hoxe o anuncio realizado por Feijóo dun recorte de 218 millóns de euros nos orzamentos de 2010, e alertou de que “as grandes áreas afectadas serán as de políticas sociais e infraestruturas”. Na rolda de prensa posterior á xuntanza da Comisión Permanente do PSdeG, Vázquez advertiu que este recorte suporá “unha fenda” nuns orzamentos “xa de por si precarios” e contrapuxo a “parálise na licitación de obra pública” do Goberno de Feijóo coa “gran actividade inversora en materia de infraestruturas do Goberno central en Galicia”.


Así, destacou o “gran impulso” do Goberno central coa licitación permanente das obras do AVE ou nos aeroportos, así como as políticas activas postas en marcha para desbloquear a Ponte de Rande ou a entrada a Santiago de Compostela. Fronte a “política activa do Goberno central” afirmou que “seguimos sen saber nada das infraestruturas do Goberno galego” entre as que sinalou a autovía da Costa da Morte, a autovía entre Celanova e Portugal, ou o desbloqueo de grandes infraestruturas hidráulicas como a depuradora de Vigo.


Outra das cuestións que abordou a Comisión Permanente do PSdeG  foi o futuro das caixas galegas, e nesa liña Vázquez reafirmou a postura dos socialistas  e demandou “diálogo,  consenso,  xenerosidade das entidades e a busca de acordos equilibrados que faga posible caixa única de Galicia como o camiño para salvar as dificultades”. 


 “É lóxico que se produzan dificultades nas negociacións, pero esperamos que cheguen a un acordo”, explicou Vázquez, quen valorou algúns dos compromisos adquiridos na negociación, como o de modificar a Lei de Caixas, aínda que advertiu que o principal problema está no custo da fusión. Neste punto afondou na necesidade de combinar “a competitividade, forza e solvencia dunha gran caixa co custo que isto suporá”.


Por elo, sinalou que no caso de que as entidades non cheguen a un acordo “moita xente terá que dar explicacións, entre eles o propio presidente da Xunta”. Apuntou que Feijóo “terá que explicar  por qué contou que o custo da fusión era de 1.200 millóns –segundo os datos da auditoría encargada por Feijóo á KPMG- cando non é certo,  porque si ese fora o custo as contas sairían”, mentres que  “as caixas terán que explicar porqué fai falla tantísimo diñeiro para a fusión”.


Por outra parte, Vázquez reiterou hoxe a demanda para que o Goberno galego prorrogue a moratoria de protección de 500 metros do litoral, e nesta liña esixiu “un compromiso claro do PP”, á vez que advertiu que “non manter a moratoria suporía deixar o territorio en mans da especulación e o caos urbanístico”.


Voto Emigrante

Pachi Vázquez afondou no debate respecto ao voto emigrante que se está a realizar no Congreso, e trasladou a postura do PSdeG ao apuntar que “a comunidade galega no exterior é a quinta provincia de Galicia, e o seu voto nas autonómicas forma parte da historia deste país”.


Por elo, dixo que a postura dos socialistas galegos “é clarísima” e que o obxectivo é “o voto en urna dos emigrantes nas eleccións autonómicas” dando así “as máximas garantías individuais e institucionais ao voto emigrante”.


Vázquez defendeu que “Galicia ten que ter unha posición propia”, co máximo respecto ao debate na subcomisión do Congreso, ao ser unha das comunidades  con máis residentes no exterior. Para elo, avanzou que o PSdeG solicitou ao Goberno galego unha xuntanza de traballo  “para a posta en común dos puntos de vista da Xunta e das forzas políticas de Galicia sobre o voto dos galegos no exterior”.


Respecto ao voto dos emigrantes nas eleccións municipais, Vázquez avogou por “escoitar as conclusións do Congreso” antes de definir un posicionamento, dado que “a incidencia do voto emigrante nas municipais é moi cuestionada” xa que “hai concellos pequenos onde pode haber máis votantes no exterior que no propio municipio”. Con todo, expresou a súa confianza “en artellar mecanismos e buscar fórmulas” para chegar a un acordo.


Goberno de Feijóo

Preguntado polo seu balance do primeiro ano do Goberno de Feijóo, Vázquez resumiuno en tres claves “confrontación social, paralización e resignación”. Así, destacou que neste ano “Feijóo non foi capaz de unir á sociedade” e lembrou que tivo “o maior número de manifestacións na súa contra de toda a historia democrática de Galicia”.


Aludiu tamén á parálise da licitación de obra pública, que diminuíu nun 60% neste primeiro ano respecto ao goberno anterior, así como á resignación de Feijóo “que lle pon deberes aos outros, mentres non aporta ningunha solución e opta por tirar a toalla”.


“Feijóo chegou á Xunta como un gran xestor cun gran goberno, e un ano despois vemos que é un mal xestor e non ten goberno”, resumiu, á vez que preguntou “qué diría Feijóo cando estaba na oposición se Touriño deixase sen executar o 40 por cento do orzamento das súas consellerías”.


Lembrou así a denuncia feita a pasada semana polos socialistas galegos despois de que Feijóo deixase sen executar máis da metade dos orzamentos da Consellería de Pesca, así como noutras consellerías como Traballo, Economía e Industria.

“O barco do Goberno galego fai auga por todas as esquinas”, xa que “ten catro vías de auga”, dixo, en referencia ás consellerías de Cultura, Economía e Industria, Traballo e Educación.


Lamentou que Feijóo non aproveitase o seu percorrido polo Camiño esta fin de semana “para preguntarlle aos alcaldes en qué condicións está o camiño neste ano Xacobeo”, o que lle levou a resumir a política da Consellería de Cultura no Ano Santo como “desastrosa”.

 

Do mesmo xeito criticou a falla de investimentos en políticas activas de emprego por parte da Consellería de Traballo, ou da de Economía e Industria no ámbito das Infraestruturas, no que “son o Goberno central e os propios concellos os que están  facendo inversións”.


Respecto á consellería de Educación sinalou que o seu conselleiro  está “xa máis que queimado, abrasado” pola súa xestión no tema da lingua, e engadiu tamén  á conselleira de  Sanidade, ao subliñar que “a sanidade está en pé de guerra” e ao criticar que a conselleira “afirma que as listas de espera non se incrementan, pero polo pronto volve a abrir os quirófanos polas tardes”.


“Feijóo ten un mal goberno, con incapacidade para gobernar e mal xestionado”, afirmou, e engadiu que para constatalo “só fai falla ver o contido dos consellos da Xunta, que na maior parte das veces constan dunha única folla con informes e declaracións”. Respecto ao feito de que Feijóo admitise “que non estivo á altura” no tema dos comedores escolares, Vázquez lembroulle que “tampouco estivo á altura en sanidade, no tema da lingua ou en políticas sociais”.

 






os comentarios foron deshabilitados.