Vázquez critica o discurso de "re-investidura" de Feijóo no Debate do Estado da Autonomía e pide "contas e non contos"

xoves 18 marzo 2010

Faga clic no icono 
para inicia-la descarga  Faga clic no icono para inicia-la descarga

  O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez criticou o "discurso de re-investidura" de Feijóo, polo que supón de "confirmar que este foi un ano perdido" en "paralizacións, confrontacións e demolicións". De feito, recordou que todos os plans presentados polo presidente galego deberían estar considerados nos presupostos autonómicos e non o están: "Todo ou que non son contas, son contos", apuntou.

 Nunha liña similar, recalcou por exemplo que  "os dependentes non viven de porcentaxes senón de euros" e lamentou que Feijóo intente dar "café para todos" sen compromisos reais. Fronte a isto, insistiu na súa oferta de Pacto polo Emprego, da que deu traslado ao Executivo autonómico.

 Vázquez mostrou a súa disposición a buscar "puntos de encontro" pero mostrouse crítico coa actitude do Goberno galego de "vixilar" mentres outros -en referencia ao Estado- "pagan e traballan". Así, resaltou a importancia do Acordo do Obradoiro asinado entre Feijóo e o ministro de Fomento -que cualificou como "feito máis salientable do que vai de lexislatura en materia de infraestruturas en Galicia" -- e instou o presidente da Xunta a subscribir un pacto semellante en que poña presupostos e prazos para os proxectos de infraestruturas que ten pendente a Xunta.

En materia económica, Vázquez lamentou o "record histórico de paro" e ironizou con que "fai falla moita vontade para que saia mal un Xacobeo, e ou están conseguindo". Ao respecto, parafraseou a iniciativa 'estoarreglamosentretodos.org' converténdoa en 'arreglenselascomopuedan.org'.

 Así mesmo, lamentou que o liderado de Galicia en enerxías renovables "está a punto de pasar á historia" e de entrar nunha "travesía polo deserto". En materia sanitaria e educativa, alertou sobre a deterioración da asistencia pública, mostrando mesmo un documento cunha cita médica de neurocirurxía fixada para xuño de 2011.

 O Estatuto como "clave do noso futuro" ou a solicitude de creación dun Plan especial de apoio ás grandes cidades foron outras das peticións trasladadas polo líder dos socialistas galegos, cuxa intervención foi seguida dende a tribuna polos alcaldes do PSdeG de Vigo, Santiago de Compostela, Ourense, Lugo e Ferrol, entre outros convidados.

 Vázquez concluíu a súa intervención instando a Alberto Núñez Feijóo a "reconducir a situación especialmente na política económica" e ofreceu a colaboración do Partido Socialista, apuntándose á proposta do presidente galego de loitar contra a "bomba demográfica" actual. Iso si, con axudas efectivas e políticas activas para favorecer a natalidade.

 






os comentarios foron deshabilitados.